Exercer a representación a pé de rúa

O pasado sábado contamos en Cuntis coa representación dos tres Parlamentos onde se deciden as políticas que afectan ás nosas vidas. Lidia Senra do Parlamento Europeo, Alexandra Fernández do español e Antón Sánchez do Parlamento de Galicia percorreron canda nós os catro puntos que tiñamos programados nunha xornada para avaliar as principais tarefas pendentes e cada unha das áreas correspondentes.

A primeira parada fixémola no Polígono da Ran, eterna caso sen resolver e de vital importancia para o desenvolvemento socioeconómico do noso municipio. A súa regularización atópase agora mesmo pendente de dúas fases: a adquisición dos terreos e a urbanización das correspondentes parcelas. Desbloquear o Polígono Industrial da Ran non é só unha aspiración necesaria para atraer novas empresas, senón para regularizar plenamente a situación das que xa se atopan alí instaladas. Nin Xestur (da Xunta do PP) nin a propia Deputación de Pontevedra (do PSOE) semellan considerar esta tarefa como prioritaria e o Goberno Municipal non semella moi disposto a enfrontarse á súa disciplina de partido para defender os intereses de Cuntis. A institución provincial ten investido fondos en parques empresariais noutros tempos, e é posible facelo. Antón Sánchez comprometeuse a elevar a cuestión ao Parlamento Galego para esixir que o Partido Popular cese na súa incomprensible discriminación.

Dende alí desprazámonos cara a Troáns, onde máis dunha ducia de veciños/as agardaban por nós na Carballeira do 18 para falar do estancamento da parcelaria. Igual que o anterior, o tempo de espera cóntase por décadas e o malestar dos/das propietarios/as é moi notable, como así llo expuxeron en primeira persoa ás deputadas que ata alí se achegaron. Non foi certo que durante o ano 2016 quedarían solventadas todas as alegacións, e a espera segue a manter na incerteza aos veciños/as que non poden dispoñer con seguridade dos seus terreos. Igual que na primeira parada, debatemos brevemente sobre as deficiencias na ordenación do territorio que vimos padecendo dende hai décadas e que se visualizan á perfección en casos como o do Polígono da Ran ou as concentracións parcelarias en moitos casos. Antón Sánchez preguntará no Parlamento Galego polo atraso na tramitación da de Troáns.

A praza de Galicia, ao pé da burga Lume de Deus, foi a nosa terceira parada. O conflito pola titularidade da auga termal, acentuado dende a década dos noventa a partires do famoso e fraudulento Convenio Termal asinado polo ex alcalde socialista Eduardo Rey, foi o asunto en cuestión. Logo de facermos un breve repaso cronolóxico dos feitos máis salientables, desenvolvemos entre os/as alí presentes as implicacións que ten este caso no referido a dereitos colectivos, defensa do patrimonio ou mesmo ambición urbanística nunha pelexa na que a ambición do privado ameaza a defensa do público. Lidia Senra comprometeuse a elevar a cuestión da titularidade á institución na que desenvolve a súa acción política, o Parlamento Europeo. Este mesmo asunto xa foi levado anteriormente por outra eurodeputada galega, a cuentiense Ana Miranda, a esa mesma cámara.

Rematamos a xornada á beira do río Gallo. Alí falamos dos seus reiterados desbordamentos no inverno e dos danos que provoca en locais comerciais e no resto de propiedades de veciños/as. A non limpeza do río (e a pasividade do Goberno Municipal) por parte de Augas de Galicia, así como a confluencia do Gallo e o regato de Trasponte e a insuficiente tubaxe de desaugamento que atravesa por debaixo a N640 constitúen o foco do problema. Ademais, hai que engadir a sospeitosa exclusión precisamente daquela zona do Plan de Risco de Inundacións elaborado pola Xunta de Galicia. De todo isto, así como de novos modelos de saneamento, das carencias da EDAR de Meira e do indescritible Tanque de Tormentas que o Partido Popular construíu á beira do río falamos para rematar a xornada. Alexandra Fernández estudará as posibilidades de desbloqueo da situación fronte á negativa do Ministerio de Fomento. Antón Sánchez e Lidia Senra estudarán con detalle dende as súas respectivas posicións institucionais a elaboración do Plan de Risco de Inundacións no tocante ao municipio de Cuntis. Non é de recibo a pasividade amosada Alcalde nesta cuestión, que a semana pasada informaba do envíou ‘dunha carta’ á Conselleira de Medio Ambiente. Dende Veciñanza temos esixido máis dunha vez que se acentúen as posturas de defensa dos intereses de veciños/as nunha cuestión tan delicada coma esta. Entendemos que é un asunto para cooperar por enriba de diferenzas políticas e a nosa predisposición para ir da man neste tema é absoluta. Pero insistimos, se é para esixirlle á Xunta de Galicia que, de inmediato, proceda á limpeza do río Gallo. Non estaremos para seguir a contemplar dende posición privilexiada o ninguneo ao que nos somete Augas de Galicia en todo o referido a este asunto.

Queremos agradecer a participación da xente que nos acompañou e participou nas xornadas, así das deputadas Lidia, Alexandra e Antón por exercer a súa función como nós (e tamén elas) entendemos que se debe exercer: a pé de rúa e tendo contacto real cos problemas da xente. Seguiremos, por suposto, informando das novidades xa que todos/as asumimos responsabilidades para contribuír no avanzar destas cuestións.

[wp1s id=’840′]

 

Share

Tamén pode gustarche...

1 resposta

  1. 24 Febreiro, 2017

    […] Logo da súa recente visita a Cuntis para participar na xornada ‘Os Parlamentos na rúa’, a deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou no Congreso unha iniciativa parlamentar dirixida ao Ministerio de Fomento para solicitarlle que emprenda canto antes as demandadas actuacións de mellora da tubaxe que vai por debaixo da N-640 para unha axeitada drenaxe da auga do río Calvos, afluente do Río Gallo, cando se producen enchentas. […]